............................
 
IR A/ GO TO:DISEÑADORES INTERNACIONALES/INTERNATIONAL DESIGNERS
ENGLISH TEXT/SPANISH

DISEÑADORES GALLEGOS/GALICIAN DESIGNERS


   

INPE PIEL

O mundo Inpe é un mundo de pel. Un mundo partidario da exquisitez e da paixón, no que pezas de roupa e accesorios son froito dunha minuciosa atención ó detalle, de traballo artesanal e da busca permanente de innovación. En Inpe preténdese que cada produto sexa único na súa especie, o mellor en canto a calidade e deseño. Para iso ofrece todo un universo de peles que combinan o máis novo co intemporal, coa única finalidade de seducir irremisiblemente. Inés López Penelas (Lugo, 1961), propietaria e deseñadora da firma, a súa alma máter, preocúpase moito de que así sexa porque, en definitiva, diso se trata: de crear sorpresa e satisfacción, de xerar confianza e fidelidade, de causar un atractivo emocional alén dunha mera compra. Nos seus espazos localizados en Lugo e en Madrid están garantidas sorpresa e satisfacción, logrando a utopía: facer soñar incluso a aqueles que crían que xa tiñan todos os soños cubertos, a aqueles que xa perderan a esperanza de encontrarse con algo novo en pel.

http://www.inpepiel.com

   
JOSÉ CASTRO

"Xogo con connotacións como presente e futuro. Non vexo un futuro sen pasado. Creo que a fusión é importante. Inspíranme mestres como Fritz Lang, as correntes do expresionismo alemán e o neoexpresionismo. A visión do pasado-futuro encontrámola tamén perfectamente plasmada no filme Blade Runner, 1982. Todo o gusto polo clásico serve como un método de construción. Nos meus deseños, fusiono con moitísima elegancia o que é naturalmente excéntrico coa manipulación dos volumes. A miña ideal é conseguir o máximo do que pode dar de si o xogo cos volumes".

http://www.castroestudio.com/

   

GLORIA RODRIGUEZ- FIGUEROA

Nada en Vigo en 1972, comeza a súa formación na Escola de Técnicas Industriais de Goymar (Vigo) para finalizala en Barcelona. Exerce como profesora de Creatividade na Universidade ESDI de Barcelona e no Instituto Europeo de Deseño, representa a España no IAF Design Award 2004 e expón unha peza no Museo do Louvre cun proxecto para o Forum das Culturas. Realizou varias performances e participou en diferentes edicións de Pasarela Gaudí en Barcelona. Tamén patentou un sistema de etiquetaxe en braille para as pezas. Rodríguez- Figueroa plasma o proceso evolutivo que sofre cada individuo na vida a través dun módulo denominado peza de vestir. Para iso reinventa a peza conseguindo un novo xastre. Mediante a reestruturación das formas definidas como clásicas, achega renovados patróns en saias e chaquetas. Destrución, construción, evolución e transformación son técnicas aplicadas á xastrería tradicional dunha forma inusual. É o proceso do cambio.

http://www.rodriguezfigueroa.com

   

LORENA RODRIGUEZ

Lorena Rodriguez é unha deseñadora moza que ensaia novas formas e volumes para a muller actual. Apaixonada do mundo da moda, do teatro e da arquitectura. Naceu en Ourense en 1979 no seo dunha familia de artistas e de bohemios creativos; a súa nai dedicada sempre ó mundo da moda e seu pai director escénico, descendente de varias xeracións vinculadas ó mundo do teatro, inspiraron esta moza galega criada entre bambolinas, teas e fíos. Con 17 anos trasládase á Coruña para estudar Deseño de Moda, Patronaxe e Escalado, despois ampliaría a súa formación en Escaparatismo e Técnico de Vestiario e regresaría a Ourense. Realizou prácticas no taller do deseñador Cristóbal Vidal e impartiu clases de formación de Deseño e Patronaxe na empresa Roberto Verino. O seu traballo caracterizado por metáforas puramente arquitectuais e pola ausencia de cor, sobriedade que nalgúns casos chega á austeridade, facíase o ano pasado co Primeiro Premio Tesoira 2006 outorgado pola Xunta de Galicia e, só cinco meses despois, co Primeiro Premio Internacional da Mostra do Encaixe.

http://www.lorenaconceptual.com/

   
CRISTÓBAL VIDAL

Cristóbal Vidal non é un deseñador no sentido máis obvio do termo senón que o seu traballo consiste na creación de pezas de vestir que aspiran, en calquera caso, a crearen un estilo polo que sexan recoñecidas por un público que estableza unha interacción con elas. Formado na escola Goymar de Vigo, na Escola de Artes e Técnicas da Moda de Barcelona e na Winchester School of Art, Cristóbal Vidal (Vigo, 1974) está orgulloso que o asocien a Galicia, de onde rescata elementos en desuso para elaborar os complementos e estilismos das súas coleccións. Unido sempre a Galicia, cun carácter máis ecléctico que reivindicativo, sempre se apoia en elementos da terra para descontextualizalos e contemporaneizalos, dándolles así un novo sentido ou uso. En cada colección de Vidal recórrese a elementos galegos como as tamancas (para dotar de certa elegancia rural os seus homes vestidos con faldra xastre), ben incorporando complementos de encaixe de Camariñas para desmitificar o seu uso na actualidade, ben cerrando os looks con boinas ou tocando as súas noivas con ramos de flores silvestres da súa aldea, A Cañiza. O seu estudo de xastrería proporciona notables cambios na estrutura do patrón así como a inclusión da faldra como un dos elementos clave na vestimenta masculina. Conxugándoa con mestría en múltiples modelos, Cristóbal fúndea con pezas de xastrería ecléctica que achegan unha masculinidade digna de admiración que amosa un home cosmopolita e sobrio. Actualmente, Cristóbal Vidal confecciona en talleres de Vigo e Barcelona, cidades onde reparte os seus mostrarios de xastrería, de calzado e de roupa interior, integrantes das súas coleccións. Despois de conseguir dúas bolsas da Xunta de Galicia (Tesoira 1997 e Tesoira 2001), foi convidado como único deseñador de home á feira de Ideacomo de Milán (outubro 2001, marzo 2002 e marzo 2003).


http://www.cristobalvidal.es/

   
  REST/ DESIGNERS/DISEÑADORES NACIONALES NACIONALES
   
SINPATRON

Autodidacta. Irrompeu nisto da moda hai tres anos e medio co seu debut na pasarela bilbaína Modorrra. Desde entón, as súas pezas únicas, persoais e non seriadas foron presentadas en certames da zona norte como a Semana da moda de Vitoria, o Mid_E (Mostra Internacional desde Euscadi) de San Sebastian, ou Creamoda en Bilbao. En 2006 resultou gañador da 9ª edición da Mustang Fashion Weekend (Festival Internacional de Benicassim) e do Premio da Deputación de Biscaia á mellor colección masculina (Creamoda). Traspasou os límites do ámbito da moda colaborando con artistas como a videocreadora Raquel Meyers, a artista/dj Begoña Muñoz ou, máis recentemente, co grupo Chico y Chica. Distinguirase polas súas faldras para homes, polos seus volumes imposibles, pola súa atención ós detalles polo seu gusto polo barroco e polo tema militar. Nesta súa segunda participación na Ego da Pasarela Cibeles presentará a súa nova colección El monstruo sin lago.

http://www.sinpatron.com/

   
TXELL MIRAS

Marca propia desde 2004. Deseñadora para a liña feminina de Neil Barrett desde 2003 ata actualidade
2007: Finalista dos Mango International Fashion Awards "El Botón" (Final: 6/09/07) - Finalista dos Gen Art Styles New York Fashion Awards
2006: Premio "Barcelona es moda" como mellor profesional do sector - Representante de España no European Young Fashion Summit (Vienna)
2005: Premio Lancôme como a Mellor dos Deseñadores Mozos da Pasarela Gaudí
2004: Abre mercado internacional a través do showroom de Milán de Daniele Ghiselli - Empeza a participar na Barcelona Fashion Week
2003: Deseñadora moza máis prometedora de Italia segundo a Camera della Moda Italiana - Empeza a traballar para Neil Barrett
2002: Finalista nos Onward Tokyo Grand Prix Fashion Awards - Máster en Deseño de Moda na Domus Academy (Milano)
2001: Gañadora do concurso "Insideouting" convocado pola Domus Academy de Milán
2000: Estudos de moda na Escola Llotja de Barcelona
1999: Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona. Primeira exposición de obra gráfica na galería Belles Arts de Sabadell

http://www.txellmiras.eu/

   
JAN IÚ MÉS

Jan iú Més, firma de roupa masculina formada por Jan Zamora (Alcanar, 1980) e Alfonso Peña (Vinaros, 1980) instalados en Barcelona. Iniciáronse no mundo do deseño de indumentaria dunha forma autodidacta, ofrecendo un enfoque sobrio con base nunhas siluetas ríxidas, para amosar unha visión racionalista e matemática nas pezas, mediante unha abstracción austera das formas. Apostando pola austeridade e pola desconstrución das pezas de vestir, facendo unha reinterpretación da xastrería clásica masculina para un home estrito, contido e de sensualidade pausada, pero sen perder nunca a súa propia masculinidade. Compartindo unha mesma visión dunha estética escura e minimalista, fuxindo de estridencias, en oposición a calquera evidencia de barroquismo.

http://www.janiumes.com/

   
LUXOIR

Luxoir irrompe na escena do deseño no verán do 2004, cunha atrevida colección para home coa que conseguirá entrar en Pasarela Gaudí e participar na Bread&Butter de Barcelona. Desde entón, a firma desfilou en importantes pasarelas nacionais, así como en destacadas feiras internacionais, tales como Pitti Immagine L’Uomo, en Florencia e Rendez Vous, en París. A súa presenza en proxectos como o de Moda sen tóxicos, de Greenpeace, a súa liña de zapatillas, Victoria by Luxoir, e as súas diversas colaboracións no mundo da moda e do deseño, fan de Luxoir unha das firmas máis prometedoras do panorama nacional.

http://www.luxoir.com/

   
ZAZO & BRULL

O traballo de Xavier Zazo e de Clara Brull caracterízase por contar historias a través das súas coleccións. Cren que a roupa non é só roupa senón un medio para expresar o que senten e a través das súas experiencias persoais crearon un mundo imaxinario onde cada temporada se debuxa unha nova protagonista dun relato xa existente ou inventado por eles para aquela ocasión. Admiran a tenrura do traballo de Joe Sorren, a mestura de inocencia e perversión da serie 'blood' de Mark Ryden ou a imaxinación desbordante dos personaxes ideados por Tim Burton.
As súas últimas coleccións despertaron interese grazas á forza da súa inspiración. Títulos como Berenice, Diario dun loco, A noiva mutante ou Heroínas esquecidas son o suficientemente suxestivas como para non imaxinar un final feliz. Sangue e corazóns rotos. Trazos románticos con matices escuros a súa marca de identidade. Dentro da súa traxectoria profesional desde que zazo&brull se fundou no ano 2000, destacan as numerosas participacións no Salón de Moda Barcelona e os seus correspondentes desfiles na Pasarela Gaudí, a presenza no salón da Moda de Madrid Ifema, así como en feiras internacionais como Ideacomo (Como Italia) ou na International Fashion Fair (Toquio Xapón). Foron invitados a participar coas súas propostas na Pasarela Gaudí Novias, a pasarela Aberta de Murcia e na feira Futurmoda de calzado e marroquinería. As súas tres últimas coleccións A-W 06/07, S-S 07 e A-W 07/08 presentáronse na feira Bread&Butter en Barcelona. Actualmente forman parte do grupo de deseñadores que expoñen en París dentro do Showroom Barcelona e tamén levan a cabo instalacións de moda coma "Preludio" o "10 ways to wear a flag" da artista Alicia Framis.

http://www.zazobrull.com/