SPANISH/ENGLISH TEXT

NOOVO INTERNATIONAL FESTIVAL
FOR FASHION AND PHOTOGRAPHY

1/4-07SANTIAGO DE COMPOSTELA


Noovo é un proxecto que pretende facer pensar e soñar. Noovo Festival xorde como resposta ó circuíto internacional da moda alternativa, situando a Santiago de Compostela e a Galicia na vangarda dos eixes contemporáneos e asentándoa definitivamente como unha capital europea de referencia.

O circuíto internacional potencia as propostas con conceptos artísticos nos que a diversidade e a unificación permanecen palpables. O concepto artístico é o centro neurálxico de toda creación nas súas múltiples facetas. Noovo Festiva conxúgao con dúas paixóns: a Moda e a Fotografía contemporáneas. Moda e Fotografía unidas nunha dialéctica interactiva entre estas dúas formas de creación que progresivamente alcanza máis forza. Do 1 ó 4 de novembro de 2007, o máxico Campus Stellae engaiolará os descridos nun marco de indomable forza ancestral.

Patrimonio da Humanidade e Capital Cultural de Galicia, Santiago de Compostela é unha cidade extraordinaria, elegante, histórica, monumental, cunha atmosfera estimulante e entrañable que a fai única para un evento desta categoría. Os desfiles terán lugar na impresionante nueza pétrea da Praza da Quintana, especialmente acondicionada para a ocasión. Punto de cita ineludible, alí estarán figuras do calibre de Gareth Pugh, Boudicca, Three As Four, Eley Kishimoto, Patrik Söderstam, Cristóbal Vidal, José Castro, Inpe, Gloria Rodríguez- Figueroa, Lorena Rodríguez, Txell Miras, Luxoir, SinPatron, Jan iú Més, Zazo&Brull, Romain Kremer, Peter Pilotto, Petar Petrov e Mikio Sakabe.

¿En Fotografía? Monstros como Seb Janiak, Pierre Gonnard, Wing Shya, Dino Dinco, Ari Versluis e Ellie Uyttenbroek, Michael James O'Brien, Miguel Villalobos, Ana Laura Aláez, Eugenio Recuenco e Daniel Riera. A instalación de moda Preludio, dos deseñadores Zazo&Brull, e a performance Fantabulous Bicycle Music Factory de HenriK Vibskov han dar o golpe.

A presentación de publicacións como Fly DVD de Nova York, Art Notes con edición en Galicia, en Nova York e en Hispanoamérica e B-guided de Barcelona. O Festival de Moda, Estilo e Beleza You Wear It Well, comisariado por Diane Pernet e Dino Dinco que inclúe máis de 20 traballos dalgúns dos mellores deseñadores do momento, e que visitou previamente espazos como o MoMu de Amberes ou o Guggenheim de Bilbao, tamén terá lugar neste evento. A Galería C-5, comisaria dos artistas-fotógrafos mozos valores de Galicia, sorprenderá cunha selección coidada do mellor do panorama galego.

Noovo Festival nace como unha iniciativa que articula nun nexo os media, a industria, a cultura e os deseñadores no eido internacional. Darlles un impulso ás escolas de deseño de moda de Galicia cun Premio ó Mellor Deseñador Novel, contando cun xurado de prestixio internacional. Potenciar os novos valores do deseño de moda que se forman nas escolas galegas é un obxectivo primordial para Noovo Festival, que aposta por un intercambio internacional.

Cun programa de figuras internacionais, nacionais e rexionais do máis alto nivel Noovo Festival pretende atraer e apoiar a visión de innovación e de futuro dos mozos talentos. Cun sentido afán de consolidar a creación alternativa na súa vertente máis rabiosamente actual pero tamén intemporal no seu máis profundo valor artístico. Moda e Fotografía desde unha perspectiva única e contemporánea no panorama nacional centrada no talento dos creadores.

Directores y Co-comisarios: Charo González e Jorge Margolles
Co-comisarias: Diane Pernet e C5 Gallery
Relacións Prensa Internacional: Robb Young